Guión

Cando acordou xa todos marcharan…

Así comeza a historia do despoboamento do rural galego, convertido únicamente nunha paisaxe deshabitada camiño dun deserto demográfico.

A Ribeira Sacra non é allea a este proceso. Neste caso, a turistificación e a intención de converter este territorio unicamente nunha marca, nunha etiqueta, baleiran de contido cultural e humano.

As comunidades tradicionais da Ribeira Sacra deben confrontar a forza dun Estado unha vez máis, pero neste caso co medo da desaparición.

Este é o panorama co que se abre este guión. O proxecto Adegas da Memoria, pretende, por unha banda, dar voz a unha destas comunidades – os veciños de Vilachá – e por outra, ofrecer un estudo científico sobre este territorio e as súas orixes.

Todo este proceso rexístrase a través dunha serie documental que será emitida en Internet, a través da plataforma Vimeo e espallada nas nosas redes sociais.

Esta serie orbita en torno a catro tempadas temáticas que son os catro piares do proxecto:

A Humanidade do Patrimonio: A primeira tempada, a introdución a Vilachá. Nesta tempada serán os veciños os que nos presenten o seu territorio, as viñas, as adegas, as lendas, o seu imaxinario, a vida na Ribeira, a represión franquista, etc. Estos son algúns dos temas que se retratarán neste fresco colectivo.

Os Conventos: No medio da ribeira do Val do Frade existe un lugar ao que os veciños chaman Os Conventos. Na superficie pódense ver uns anchos muros que conforman estancias e que non respostan á lóxica das paredes dos socalcos… É o lugar escollido para unha intervención arqueolóxica que pretende botar luz sobre as orixes da Ribeira Sacra; o que se pode atopar, é un misterio.

Os Pataos: Se hai un elemento definitorio da Ribeira Sacra, eses son os pataos ou soclacos que escalonan as súas ladeiras ata o río. O imaxinario popular acepta o mito de que foron os romanos quen construíron esta paisaxe, mais… quen a constríu realmente? Cando? Por que? A estas preguntas trata de dar respostas esta parte do proxecto, cun grupo de arqueólogos e edafólogos do Incipit-CSIC.

As Adegas: Se os socalcos definen á Ribeira Sacra, o conxunto de Adegas tradicionais define Vilachá. Na literatura turística dáselle tratamento de milenarias, mais que hai tras esta hipérbole temporal? Como no caso dos socalcos, nunca foron obxecto dun estudo científico. Para ofrecer respostas, Sonia García, experta en arqueoloxía da arquitectura, realizará un estudo coa finalidade de establecer a súa orixe e fases construtivas.